Saltar para: Post [1], Pesquisa e Arquivos [2]

LIBERDADE E BEM ESTAR

LIBERDADE E BEM ESTAR

Madrid:CNT organiza manif. contra a crise

30.03.09, uon

mani madrid cnt

Apesar do frio, a intensa chúvia e do prolífico dia de movilizacións que houbo onte, sábado 28 de Marzo en Madrid, por volta de 2.500 persoas marcharon en manifestación de Atocha a Sol convocadas pola CNT, marcha na que houbounha nutrida participación da Rexional Galaica.  Chamou-se á defensa operária, frente aos ataques que está a sofrer a clase traballadora (EREs, despedimentos, paro, medo…)  por parte do capitalismo e o estado, a conta da crise económica.

Ás 18.15h daba comezo a manifestación cunha faixa na que se podia ler “Contra a crise do capital: organización e luita” como cabeceira. Tras ela, entre bandeiras anarco-sindicalistas podian ler-se multitude de faixas con diversas mensaxes: “Ante a crise: a revolución. ¡Organiza-te e luita!”, “Crise económica: se nos dividimos eles gaan. É o noso momento, seccións sindicais”, “Culpabeis: BBVA, Telefónica, Repsol, Santander, Macdonald´s…”, “Iguais na crise, iguais na luita”, “Á merda a crise” e “ABC despide a 238 traballadores" portada por un nutrido grupo traballadores de ABC. A faixa de cabeceira foi substituida a metade do percurso, por unha de enormes dimensións cun debuxo de traballadores/as en atitude de luita onde se lia “Non hai trégua”.

As consignas máis coreadas, durante o percurso da marcha, foron “A crise que a paguen os capitalistas”, “frente ao paro, luita obreira”, “obreiro despedido, patrón colgao”, “obreiro se non luitas, ninguén te escuita”, “Fai falla unha folga xeral”, “Unión, acción, Autoxestión”, “Morte ao Estado, viva a anarquia”…

A manifestación trascorreu sen incidentes chegando à porta do Sol cara ás 19.30h onde, nunha intensa chúvia, comezaron os oradores a intervir. Primeiramente falaron uns compañeiros da sección sindical de CNT-Jaén na empresa Séneca-EDM explicando a folga que están a levar a cabo pola actitud explotadora dos empresários en muitos frentes. Dixeron cousas como: “aos poucos, co exemplo diário e o bo facer, a plantilla respaldou à CNT, única organización sindical que lles ten prantado cara, tanto à direción, como ao comité de empresa, cúmplice en todo momento da situación”. Remataron animando a tomar as rendas da nosa vida constitiendo seccións sindicais nos centros de traballo para rematar coa inxustiza.

A seguir interviu José Manuel Sanz, compañeiro do Sindicato asturiano de Candás, que destapou à perfeción a hipocrisia do sistema capitalista e o Estado, criticando duramente a bancos, Estado e patroal. “Eles nunca están en crise, e nós sempre estamos. Esto é a explotación de toda a vida. Á merda a crise”, afirmou o orador, que destacou a vixéncia da sociedade de clases, anque nos queiran inculcar o contrário,  e lamentou a desunión do proletariado, do que asinalou como responsabeis "aos Partidos Políticos que quixeron ser de clase operária, a maioria dos sindicatos que xogaron a burocratizar-se, conseguir liberados e participar na xestión das empresas”. Afirmou que “é hora de que o proletariado se reorganice”. Non deixou de se lembrar das persoas presas, nen de criticar a triste labor que fan as forzas represivas, en muitos casos “fillos de obreiros que para garantizar-se garbanzos de por vida se venden à clase inimiga”.

Posteriormente, Daniel, Secretário Xeral da Federación Local de Madrid lembrou que facia poucas horas se producira unha movilización anti-fascista en Vallecas con motivo dun acto que os nazis organizaran neste bairro legalizado pola delegación de governo. Criticou à policía que defende aos neo-nazis en todo momento, golpeando e ferindo a decenas de anti-fascistas que foron defender os bairros operários das bandas fascistas. Muitos deles, lembrou, compañeiros de CNT. Informou, asimesmo, das detencións que tiveran lugar (até vintecinco, todas de anti-fascistas) e a brutalidade das cárregas policiales. Mostrou a sua solidariedade coas vítimas desta represión afirmando que “CNT sempre estará con eles”.

Logo, deu paso, a Viki, compañeiro anarco-sindicalista de Lebrija, quen explicou como un pobo se levantou, xunto à CNT, para denunciar os trapicheos do concello, criticar o paro e a precariedade que se vive na localidade. Narrou como convocaron unha folga xeral, secundada por todo un pobo, e criticada por IU, PSOE, CCOO e UGT, que intentaron frea-la de mil maneiras, sen conseguí-lo. Afirmou que en Lebrija “se puxo en práctica con éxito todo o discurso anarco-sindicalista”. Temos demostrado que frente às demáis organizacións, que din representar ao pobo, cando en realidade van contra del, para que se enriquezan uns poucos, a CNT é honesta, honrada e justa”. Declarou “vamos rematar con tanta pobreza e miséria, vamos rematar cos sinvergonzas que a xeran e vamos construir un mundo máis xusto”.

Para rematar interviu o compañeiro madrileño José Luis Velasco, que dixo: “venden-nos as crises como algo natural, case relixioso, sen responsabeis”. Sinalou como culpabeis da crise “aos bancos, os militares, a igrexa, os partidos políticos e as burocracias sindicais”. “A avarícia dos que o teñen todo, frente aos que non teñen nada. Dos explotadores frente aos explotados. As guerras por intereses económicos. Esas son as causas das crise”.  Rematou o mitin asegurando que “a emancipación dos traballadores será dos traballadores mesmos, ou non será”.

Ás 20h, disolvia-se a manifestación, entre cánticos e consignas libertárias.

Fotos da manifestación